Saturday 18 de May de 2024

O programa CultuRúa de Carral trae 8 propostas para todos os públicos no verán


· A iniciativa abrangue espectáculos de cine, teatro, circo, danza e música.

A Concellería de Cultura do Concello de Carral presentou o seu programa CultuRúa, que se desenvolverá ao longo do verán. A iniciativa incluirá oito espectáculos que se levarán a cabo no Campo da Feira, achegando á veciñanza cine, teatro, circo, danza e música.

A compañía Teatro ao Cubo abrirá a programación con Ghop! o xoves 29 de xuño. Trátase dun espectáculo coa estética clásica dos circos ambulantes que, no pasado, percorrían as prazas dos pobos e aldeas. Os seus protagonistas provocarán as risas do público con malabares, monicreques, acrobacias e pinceladas de maxia.

A primeira das dúas sesións de cine galego, será a proxección do filme Malencolía. Esta será na noite do venres, 30 de xuño. A película, dirixida por Alfonso Zarauza, narra o que lles acontece a Sira e Pepe, que tras 10 anos vivindo en Berlín, deciden dar un novo rumbo á súa vida regresando a Galicia. Con ese obxectivo, comprarán unha casa nunha aldea que consideran abandonada, pero na que vive unha señora coa que manterán unha estraña relación. Esta película non está recomendada para menores de 12 anos.

A compañía Furia Sotelo, da bailarina Nuria Sotelo, chegará a Carral co seu novo espectáculo Camiños que parten. Esta proposta mistura a danza e a performance de Nuria Sotelo e da súa filla, Lena, coa música en directo da franco-galega Mounqup, cantante e compositora que navega pola música electrónica e o jazz, e que está a ser unha referencia fixa en moitos festivais musicais. Camiños que parten terá lugar na tarde do 6 de xullo.

O circo chegará da man de Culturactiva cunha gala titulada Circando, que traerá, durante 80 minutos, diversas disciplinas co mago Dani García, o malabarista Fran Boza, a artista humorística Patty Diphusa e o músico e cómico Félix Rodríguez. Esta sesión dirixida para toda a familia presentarase ás 19:00 h. do xoves 13 de xullo.

A compañía coruñesa Laboratorio Escénico chegará o 24 de agosto co seu espectáculo Blues de Medianoite, no que se combina música, teatro e danza da man de Alba Fernández.

A segunda película de CultuRúa, Jacinto, proxectarase o 25 de agosto. Este filme, protagonizado polo finado e moi querido en Carral, Pedro Brandariz, trata sobre un rapaz de nove anos encerrado no corpo dun home de case 50, que vive cos seus anciáns pais nunha vila en ruínas no medio do monte. Son os únicos habitantes que quedan. Jacinto fabricou un mundo de fantasía no que é o rei absoluto, pero todo muda coa chegada de novas veciñas: Álex e Ana, dúas escuras artistas black metaleras. Esta película está cualificada para maiores de 16 anos.

O 31 de agosto, o Campo da Feira acollerá a Pakolas, que virá acompañado da música e ilustradora Laura Romero. Traen o espectáculo Cores, contos e rock coa Ramona pequena, no que as nenas e nenos terán a ocasión de gozar interactuando cos artistas.

O programa rematará o domingo, 24 de setembro, cunha actuación musical cargada de humor do Trío Detrés. Máis ritmo, que é o título da actuación, comezará ás 12.00 horas.

No caso de que as condicións meteorolóxicas dificulten a realización dalgunha actividade, o novo emprazamento comunicarase nas redes sociais de Cultura Carral (Facebook e Instagram).

CultuRúa é un programa cultural que se confecciona con espectáculos incluídos en Dinamizartj, que promove o Instituto para la Transición Justa, na Rede Cultural da Deputación da Coruña, e en Cultura no Camiño da Xunta de Galicia.